Krpta d traballos

...Alguien dijo alguna vez: "por la boca vive el pez" (Adolfo Cabrales)

2.07.2007

 

TRANSFORMACIÓN SOCIAL DURANTE A REVOLUCIÓN FRANCESA by Raquel Vázquez

Na Revolución francesa producíronse unha serie de fondas transformacións nos ámbitos político, social, económico... Pasouse do Antigo Réxime, modelo económico-social caracterizado por unha sociedade pechada con estamentos privilexiados a outra sociedade moito máis aberta e dinámica onde o criterio de organización social é determinado pola riqueza e méritos profesionais do individuo.

Unha das causas que provocaron o estalido da Revolución francesa era a tensión social e o descontento do Terceiro estado. A burguesía, enriquecida co desenvolvemento das actividades comerciais e urbanas, estaba marxinada dentro do sistema do Antigo Réxime, tiña unha escasa influencia social e política en relación cos grupos privilexiados; por iso desexaba poder acceder ós cargos públicos e eliminar os privilexios da aristocracia.

O campesiñado, que era o grupo máis numeroso da sociedade, estaba sometido a un duro sistema fiscal e xurídico que beneficiaba profundamente á nobreza e ó clero. Entre os pagos de rendas e os impostos, ós campesiños case non lles quedaba nada.

A pesar de todo isto, foron os privilexiados os que fixeron a primeira das revoltas sociais, como protesta ante a imposición de Luís XVI de que comezasen a pagar impostos debido á mala situación que atravesaban as arcas do estado (estaba nunha creba financeira). Coas protestas conseguen que se convoquen os Estados Xerais, que non se reunían dende 1614. A nobreza espera que a alianza entre nobres e clérigos trunfe (vótase por estamentos) e non teñan que pagar impostos e incluso se volvan máis poderosos.

O Terceiro estado non está de acordo co sistema de votación, quere que sexa por cabezas e non por estamentos. Ós deputados do Terceiro estado lles pechan a súa sala de reunións, autonoméanse representantes da nación na sala do Xogo de Pelota e forman a Asamblea Nacional, que se converte en Nacional Constituínte ó ter como obxectivo elaborar unha Constitución para Francia, e ata entón xuran non disolverse. As masas urbanas tamén apoian a revolta dos deputados do Terceiro estado. Comezan as protestas nas cidades, estimuladas pola escaseza de alimentos e o temor ás represalias do rei. Considérase o inicio da Revolución o 14 de xullo de 1789, día da toma da Bastilla, cárcere considerada o símbolo do absolutismo.

Por outra banda, tamén se produce unha revolta no campo, a revolta campesiña coñecida do “Grande Peur”, en agosto de 1789. O campesiñado tiña noticias de que algo estaba a ocorrer nas cidades, e intenta sumarse a esa revolta, dunha forma espontánea e crítica co réxime feudal.

Precisamente, para frear estas revoltas no campo, a primeira medida que toma a autoproclamada Asemblea Nacional foi a abolición do réxime feudal (4-8-1789). Con este Decreto conséguese a igualdade xurídica, sen privilexios, e a abolición dos señoríos e dos impostos feudais.

Ademais, nesta etapa de monarquía constitucional, permítese o acceso da burguesía ós cargos públicos, anteriormente só en mans dos grupos privilexiados.

Trala traizón á nación francesa por parte do rei Luís XVI, comeza a Iª República no verán de 1792. A nova forma de goberno foi a Convención, un sistema no que unha Asemblea asume todos os poderes do Estado e exerce a través de comités. Na convención xirondina, destacaban os problemas internos provocados pola rebelión de La Vendée, en contra da Revolución. Durante a convención xacobina (1793-1794), con Robespierre á cabeza, é salientable o recoñecemento na nova Constitución de 1793 de dereitos sociais como a asistencia pública ou a instrucción para toda a poboación... Ademais, grávase ás clases ricas con impostos e préstamos forzosos, para atender á guerra e ás obrigas sociais do Estado.

Tamén se toman unha serie de medidas para romper a hexemonía social e cultural da Igrexa, como a creación dun novo calendario ou o establecemento de cultos e festas ó “Ser supremo” o á “Deusa Razón”.

A mediana e a alta burguesía opoñíase a Robespierre, que buscaba a mellora das clases sociais máis baixas en vez de salvagardar os seus intereses. Isto, unido á crecente oposición ó goberno dictatorial de Robespierre e ós problemas económico-sociais derivados do sostemento da guerra no exterior de Francia provocaron a caída de Roberspierre e a súa execución. Nos meses seguintes, as forzas moderadas da burguesía fixéronse co control do poder político e da Convención (chamada Convención termidoriana), que desemboca en 1795 na formación do Directorio.

Durante o Directorio (1795-1799), vólvese a unha posición social máis conservadora e obsérvase o dominio da alta e media burguesía. Este grupo social, trala experiencia radical da convención, rexeita a alianza coas clases populares. Maniféstase na defensa da propiedade e na igualdade só civil. Os dereitos sociais son eliminados, polo que tamén hai intentos de volver á radicalidade da época de Robespierre ou incluso de sobrepasala, con medidas anticipadoras do comunismo. E tamén hai intentos de volta atrás ó Antigo Réxime (rexurde a rebelión de La Vendée).

A inestabilidade política e as guerras provocaron que os xefes militares tivesen cada vez máis poder. En 1799, o xeneral Napoleón Bonaparte, apoiado pola burguesía, deu un golpe de Estado. Elaborouse unha nova constitución, o Directorio foi abolido e estableceuse un goberno de Consulado presidido por el. Desta etapa destaca o establecemento da paz coa Igrexa ó firmar un tratado coa Santa Sé (Concordato de 1801), no que a Igrexa aceptaba as secularizacións dos seus bens e recoñecía ó goberno saído da revolución, e o estado francés recoñecía á relixión católica como maioritaria en Francia e aseguraba o mantemento económico do clero. Tamén se elabora un Código Civil, no que se recolle o novo modelo social nacido da revolución inspirado nos principios do liberalismo.

Desde a Revolución francesa, houbo momentos nos que se intentou e incluso se conseguiu volver ó Antigo Réxime, pero xa non volvería a ser como antes. A Revolución francesa, sumada á Revolución industrial, cambiara o rumbo da historia para sempre.

Comments: Publicar un comentario



<< Home

Arquivo de traballos

noviembre 2006   diciembre 2006   enero 2007   febrero 2007   marzo 2007   mayo 2007   junio 2007  

  • PÁXINA PRINCIPAL
  • 3ILLOPARAES3A2
  • CAHIER DE DOLEANCES
  • ACTUALIDADE DA AULA
  • This page is powered by Blogger. Isn't yours?