Krpta d traballos

...Alguien dijo alguna vez: "por la boca vive el pez" (Adolfo Cabrales)

2.11.2007

 

COMPARACIÓN DAS DECLARACIÓNS DE DEREITOS DE 1789 E 793. Por Sabela Caamaño


A Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán e a Constitución de 1793 son documentos de grande importancia dentro do contexto da Revolución francesa, pois recollen os dereitos dos franceses dentro dun contexto histórico-temporal determinado.

A primeira, a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, promúlgase o 26 de agosto de 1789, durante o período de monarquía constitucional, concretamente no período de goberno da Asemblea Nacional Constituínte.

Esta declaración de dereitos xorde da necesidade de organizar o novo sistema político e de definir os principios nos que se ían a basear os dereitos dos cidadáns. En resumo, recolle o programa máis básico do movemento liberal-burgués. Senta as bases, en definitiva, de dito estado liberal.

A segunda, a Constitución de 1793, xorde no marco da Iª República francesa, concretamente no período da Convención xacobina. Nela recóllense os dereitos dos cidadáns dun xeito moito máis radical, acorde coa ideoloxía xacobina e a base social pequeno-burguesa apoiada nas clases populares urbanas dos "sans-culottes".

Estas dúas declaracións de dereitos, aínda que diferentes, teñen rasgos en común. As dúas defenden a ideoloxía liberal burguesa, e participan, por tanto, dunha ideoloxía totalmente contraria á do Antigo Réxime. Deféndese nas dúas declaracións o control do poder político fronte ó absolutismo, a igualdade ante a lei fronte ós privilexios feudais e a consideración dos individuos coma cidadáns con dereitos humanos e civís, en oposición á consideración absolutista do individuo como súbdito suxeito de deberes.

As dúas tamén defenden a función da sociedade de conservar e asegurar os dereitos "naturais e imprescriptibles" do home (ver artigo 2 da DDHC e o 1 da Constitución), a lei como expresión da vontade xeral (ver artigos 6 e 4, respectivamente), e a liberdade a nivel xeral: de opinión, pensamento... (ver artigos 10 e 11 da DDHC e 7 da Constitución).

É importante, non obstante, facer unha diferenciación entre os dous documentos. Así como era diferente a ideoloxía que predominaba durante a súa época de creación tamén é diferente (aínda que sempre na mesma liña liberal-burguesa) a ideoloxía que defenden.

A Constitución de 1793 xorde durante a Convención Xacobina. Este grupo era un dos máis radicais dos partidarios da revolución, e así queda reflictido na súa declaración de dereitos. Os xacobinos (dirixidos por Robespierre) procedían da pequena burguesía e contaban cun forte apoio por parte das masas populares (sobre todo dos "sans-culottes" parisinos). A súa política ía dirixida, principalmente, á igualdade entre tódolos grupos sociais e ó recoñecemento de dereitos sociais, aparte dos individuais, para tódolos homes sen excepción.

Esta postura radical contraponse en certa medida á Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán. Esta é máis prematura, pois promúlgase na primeira fase da revolución. A Asemblea Nacional Constituínte, a súa creadora, estaba formada por deputados do IIIº estado, fundamentalmente burgueses. Nesta declaración de dereitos considérase ó individuo por primeira vez como tal (home) e como membro dunha comunidade política (cidadán). Pero, non obstante, a súa procedencia burguesa é clara, pois insiste na idea de propiedade como dereito inviolable e sagrado (ver artigo 17), e obsérvase a ausencia dos dereitos sociais citados na Constitución Xacobina de 1793 (ver artigos 21 e 22).

Profundizando máis en cada unha destas declaracións, podemos establecer diferencias máis concretas. Unha diferencia importante é o tipo de liberalismo que defenden. A primeira, a DDHC é reflexo do liberalismo doutrinario, máis conservador. De aí que defenda a soberanía nacional e o sufraxio censitario, restrinxido só ós propietarios (ver artigo 3), mentres que a Constitución de 1793 tende máis ó liberalismo democrático, defendendo a soberanía popular e o sufraxio universal masculino (ver artigo 25).

A DDHC defende a liberdade, igualdade e propiedade como dereitos "naturais e imprescriptibles" do home, ó igual que a Constitución de 1793, pero concédelle máis importancia á propiedade (reflexo da influencia da alta-media burguesía) que á igualdade (é un dereito "inviolable e sagrado", ver artigos 2 e 17).

A Constitución de 1793, en cambio, baséase na igualdade (reflexo da necesidade de apoio das masas urbanas-campesiñas), considerándoa un dereito fundamental por riba de tódolos demais. Isto reflíctese na orde de nomeamento dos dereitos: igualdade nomeada antes que liberdade, e propiedade ó final (ver artigos 2 e 3).

Tamén é importante a consideración que fai a Constitución Xacobina de 1793 da existencia de dereitos sociais, aparte dos individuais que defendía tamén a declaración de dereitos de 1789. Deste xeito a Constitución declara a asistencia pública como unha "débeda sagrada", e a instrucción xeneralizada (ver artigos 21 e 22).

Por último, aínda que se contempla o dereito do pobo á resistencia á opresión, a Constitución faino de modo máis radical e revolucionario, pois fala da insurrección como dereito sagrado, e incluso deber, do pobo (ver artigos 2 e 35, respectivamente).

En resumo, estas dúas declaracións de dereitos constitúen un dos documentos escritos máis importantes para o desenvolvemento da Revolución francesa, e serviron como modelo para outras sociedades, chegando a ter fondas consecuencias e influencias en moitas delas.

Comments: Publicar un comentario



<< Home

Arquivo de traballos

noviembre 2006   diciembre 2006   enero 2007   febrero 2007   marzo 2007   mayo 2007   junio 2007  

  • PÁXINA PRINCIPAL
  • 3ILLOPARAES3A2
  • CAHIER DE DOLEANCES
  • ACTUALIDADE DA AULA
  • This page is powered by Blogger. Isn't yours?